mércores, 22 de outubro de 2025

"A PARROQUIA DO ALÉN"

 

“A Parroquia do Alén” é un documental onde nos achegamos, cunha mirada etnográfica, aos diferentes aspectos que configuran a cultura da morte en Galicia. Unha película onde se fai un percorrido polas diferentes crenzas, tradicións e ritos que configuran a nosa particular forma de relacionarnos coa morte e cos defuntos. Un rigoroso percorrido antropolóxico por un dos aspectos máis salientables e identitarios da cultura e da sociedade tradicional galega: o seu particular xeito de relacionarse coa morte, de integrala na súa vida e a relación de axuda mutua que se establece entre a parroquia dos vivos e a parroquia dos defuntos. 

Un documental de AB ORIGINE. Antropoloxía, Produción e Xestión Cultural SLL realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

martes, 14 de outubro de 2025

"AY GAYEGO" LISDEXIA& AS FANFURRIÑAS (ACTIVIDADE de SOCIOLINGÜÍSTICA)

 
 Coa letra da canción “Ay Gayego” de Lisdexia & As Fanfurriñas, imos profundizar nos prexuízos lingüísticos.

“Ay, gayego, que ben che queda o acento, que falas galego e non sabes que é galego…”

“Falaches galego toda a vida, pero pensas que falas castelán…”

Este fragmento da letra da canción xoga coa identidade lingüística e a conciencia sociolingüística, cun ton irónico e reivindicativo. A canción achega temas como: a invisibilización do galego na fala cotiá; a diglosia e o prexuízo lingüístico; o orgullo de falar galego sen complexos.

É unha sátira sociolingüística que xoga coa idea de falar galego sen recoñecelo como tal, algo que conecta directamente coa realidade da diglosia en Galicia. A canción denuncia: a perda de conciencia lingüística; a mestura entre galego e castelán como fenómeno naturalizado e  o prexuízo cara ao galego como lingua “de aldeáns” ou “non culta", marcada polos prexuízos fonéticos da gheada e o seseo.

TAREFA: TRANSCRIBE TODA A LETRA E FAI UN TEXTO ARGUMENTATIVO RELACIONADO COA TEORÍA QUE ESTAMOS A ESTUDAR.

xoves, 2 de outubro de 2025

HABELAS, HAINAS DIVERSAS! : MEIGAS, BRUXAS versus MOURAS, SEREAS e FADAS

A meiga na mitoloxía popular galega é sempre maléfica, pero, se cadra, estamos interpretando esta tradición cos ollos do pasado. Mentres ca os meigos son máis os magos, seres sabios que adoitan ter características máis positivas. Abundan tamén na nosa literatura popular as mouras (entre outros seres míticos). Temos tamén algunha serea e fada na nosa tradición oral.


Neste Samaín 2025 abriremos a porta a estes seres míticos propios da nosa tradición popular. Con esta tarefa queremos rescatar tamén a memoria daquelas mulleres reais, que foron acusadas inxustamente de bruxas, simplemente porque non se adaptaban ó que se esperaba do seu rol de xénero na súa época. Como as que podemos atopar en Meigas, Feitizos das Menciñeiras.