Comentario dunha cantiga de amor de PERO DA PONTE atopado no AULABLOG DE 1º DE BACHARELATO.
Se eu podesse desamar
a quem me sempre desamou
e podess'algum mal buscar
a quem me sempre mal buscou!
Assi me vingaria eu,
se eu pudesse coita dar
a quem me sempre coita deu.
Mais sol nom poss'eu enganar
meu coraçom que m'enganou,
per quanto mi fez desejar
a quem me nunca desejou.
E por esto nom dórmio eu,
porque nom poss'eu coita dar
a quem me sempre coita deu.
Mais rog'a Deus que desampar
a quem m'assi desamparou,
ou que podess'eu destorvar
a quem me sempre destorvou.
E logo dormiria eu,
se eu podesse coita dar
a quem me sempre coita deu.
Vel que ousass'en preguntar
a quem me nunca preguntou,
por que me fez em si cuidar,
pois ela nunca em mi cuidou;
e por esto lazeiro eu:
porque nom posso coita dar
a quem me sempre coita deu.
Estamos ante unha cantiga de amor porque fala un home,
o trobador, e fala dos seus sentimentos amorosos por unha dona, que aparecerá baixo o pronome “ela” (contrariamente ao esperado non temos en toda a cantiga a palabra “senhor” tan característica); o que si temos en cambio nesta cantiga, e que nos axudará a identificala no seu xénero, será a palabra “coita”, que se repetirá abondamente no refrán.
Por outra parte, podemos xa estimar que precisamente a ausencia da palabra “senhor” (a que cabía esperar) responde a un desexo do trobador de distanciamento da dona. Porén, aínda así, o tema tratado na cantiga lévanos a afirmar que se trata dunha cantiga de amor: o sentimento amoroso expresado polo poeta, o distanciamento da dona, o sentimento de pena e dor producido por este amor, son claves significativas para poder manter a afirmación de que se trata dunha cantiga de amor.
Trátase dunha cantiga monologada na que o trobador fai unha confesión íntima dos seus sentimentos e da súa coita de amor. A través dunha serie de expresións antitéticas vai contrastando os seus propios sentimentos coa actitude e comportamento da dama. Mentres o poeta confesa o seu amor pola dona, sabemos, a través das súas propias palabras, que a dona xamais mantivo a actitude que el esperaba nin cedeu nunca ás súas pretensións; esta situación leva ao poeta a desexar unha certa vinganza polo desprezo da muller.
Presenta por tanto un dobre xogo caracterizado formalmente coa presenza do mordobre. Semanticamente e ideoloxicamente a cantiga está imbuída da antítese: un nó esencial está na diferenza de comportamentos entre o home e a muller.
O tema central da cantiga é pois o desexo do poeta, desolado polo desprezo e o desinterese da dona, de que ela chegue a sentir a mesma desesperación e frustración que el sente, a mesma coita amorosa que el sofre.
- Xa na primeira cobra anúnciasenos o leitmotiv da cantiga, que vai ter un desenvolvemento nas cobras seguintes: o desexo de esquecer, de desamar, e mesmo de vingarse da súa dona que nunca amosou interese por el. O trobador desexa que a mesma coita de amor, o mesmo sufrimento que el sente, que o experimente a súa amada.
- Na segunda cobra hai unha clara constatación, non só da coita de amor, senón da imposibilidade de superala, porque o seu corazón segue desexando á dona.
- Na terceira cobra, o poeta recorre a Deus como único medio de saída desa situación.
- Na cuarta cobra repite de novo o motivo inicial e contrasta o sentimento de interese, amor / desinterese, desamor e incide no seu sufrimento.
Así pois, toda a primeira cobra recolle o desexo íntimo do poeta de esquecemento e vinganza (ou dunha certa vinganza, xa que o namorado xamais nos di que desapareceu a súa paixón) que se amplifica ao longo da cantiga. É, neste senso, unha das cantigas máis curiosas do cancioneiro, xa que a maioría das cantigas expresan simplemente a dor polo amor non correspondido, pero o desexo de vinganza é un tema pouco recorrente na nosa lírica medieval, o que fai desta cantiga, un exemplar “único” de cantiga de amor.
Dos SUBTEMAS fundamentais que aparecen nas cantigas de amor aparecen nesta cantiga tres deles:
a) O amor do poeta: o amor que o poeta expresa nas cantigas de amor é concibido como amor-servicio, amor-vasalaxe, o que conduce, a maioría dos casos, ao sufrimento do poeta polo distanciamento da dona e á imposibilidade dunha relación directa do poeta coa dona da que está namorado. Nesta cantiga a confesión do amor do trobador exprésase xa na primeira cobra dunha maneira indirecta: o poeta está namorado e gustaríalle que a situación cambiase. O mesmo sentimento amoroso é declarado polo poeta nos versos da segunda cobra.
b )Coita de amor: o sufrimento que lle supón o amor non correspondido está claramente expresado no refrán e nos últimos versos das cobras. A coita de amor é tan grande que non só lle impide durmir, senón que o conduce a concibir un sentimento de vinganza, a desexar que a dona sufra o mesmo que sofre el.
c) A reserva da dama: a actitude de distanciamento e de desinterese da dona exprésaa o mesmo poeta en contraste cos seus sentimentos.
O trobador nun dobre xogo de versos antitéticos recolle os sentimentos de amor –do poeta- / desamor –da dona-. Estas antíteses, acentuadas pola presenza dos adverbios “sempre, nunca” postos en relación coa actitude da dona fronte a el, serven para poñer de manifesto moi claramente que o comportamento da dama non é só de reserva ou de prohibición, senón dun total distanciamento e desinterese polo amor que o poeta lle ofrece.
d) O cuarto subtema, a loanza da dama, non aparece expresada en ningún momento ao longo da cantiga.
Dende un punto de vista formal, volver a reiterar a significativa presenza dos mordobres ao final de todos os versos, a existencia da “palabra-rima” eu no quinto verso de todas as cobras, os capdenais no inicio do 2º v. Da 1ª, 3ª e 4ª cobra, así como no 1º v. da 2ª e 3ª cobra.
Os versos miden 8 sílabas, co seguinte esquema rimático (rima macho):
a-b-a-b-c-A-C
ao longo de toda a composición, polo que son cobras unisonantes.
É unha cantiga de refrán, cun refrán un tanto especial xa que se alterna nas cobras, sendo igual o da 1ª e o da 3ª por un lado, e o da 2ª e a 4ª por outro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario