A UNESCO proclamou o 13 de febreiro como o Día Mundial da Radio. Desde 1995, a Asociación Cultural e Educativa PONTE…NAS ONDAS! promove a radio escolar como un recurso educativo que contribúe a mellorar as habilidades comunicativas do alumnado.
Convidamos aos centros a presentar programas, podcast ou videopodcast para o Día Mundial da Radio.
ALGUNHAS SUXESTIÓNS:
• O tema proposto pola UNESCO para o 13 de febreiro, Día Mundial da Radio é “Radio e intelixencia artificial“. Calquera proposta será benvida !
O tema:
O tema da 15ª edición do Día Mundial da Radio, que se celebrará o 13 de febreiro é «Radio e Intelixencia Artificial» e como ben din, abre todo un novo campo de debate, creación e exploración.
(https://www.unesco.org/es/days/world-radio/13ideas?hub=66636)
A nosa proposta deste ano é un convite a falar de H.G. Wells, da súa “Guerra dos Mundos” da adaptación de Orson Welles que converteu unha historia ficticia nun acontecemento mediático lendario, da veracidade, de que podemos crer e que non… e sobre todo, a pensarmos entre todos/as na aula, se as fakes news e os bulos que nos rodean fan da IA unha ferramenta ideal como caldo de cultivo para todas estas cousas.
A PROPOSTA DE REDE ESPORA deste ano é a seguinte:
Imaxinade que sodes comunicadores e comunicadoras dunha emisora de radio. Durante a vosa emisión sucede algo moi grave que afecta a todo o planeta ou a unha gran parte del, e a radio convértese no principal medio para informar á poboación (lembrade que hai pouco nos pasou algo similar co apagón). O voso traballo consistirá en crear un programa no que se conte esta situación como se fose real, aínda que en realidade sexa unha historia de ficción.
O programa debe estar pensado para ser escoitado, non visto, polo que todo o que aconteza terá que entenderse a través das voces, dos sons e dos silencios. A duración aproximada será de entre tres e cinco minutos, dependendo do curso.
A partir desta situación, cada grupo poderá escoller o formato que mellor se adapte á súa historia:
· Boletín informativo: Interrompedes a programación para anunciar unha situación de emerxencia mundial. Podedes incluír noticias de última hora, datos preocupantes e mensaxes dirixidas ás persoas oíntes.
· Entrevistas: Falaredes con testemuñas do que está a pasar, con expertos e expertas como científicos/as, médicos/as ou autoridades, e tamén con persoas afectadas polo suceso.
· Microteatro radiofónico: Crearedes unha pequena historia, cunha duración máxima de cinco minutos, na que os personaxes vivan directamente a situación de perigo. Todo deberá entenderse só a través do son e terán especial importancia o medo, a tensión ou a confusión.
· Conexións en directo: Un ou unha reporteira informará desde o lugar dos feitos, empregando ruídos de fondo, interrupcións e sons propios dunha situación de emerxencia.
· Mensaxes á poboación: Incluíde avisos dirixidos á cidadanía, como recomendacións de seguridade, ordes das autoridades ou información contraditoria que axude a crear tensión.
• Presenta a radio do teu centro. Como funciona ? Onde está ? Quen participa ? Podedes facelo en calquera formato: podcast ou vídeo.
As obras audiovisuais (podcasts ou vídeos) deberán enviarse antes do 10 de febreiro a: web@escolasnasondas.com
Todas as obras recibidas emitiránse o 13 de febreiro a través do sitio web www.escolasnasondas.com
Podedes consultar algunhas das suxestións da UNESCO para a celebración deste ano visitando: https://www.unesco.org/es/days/world-radio?hub=66636
Programacións de anos anteriores en : www.escolasnasondas.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario